Friday 29 de March de 2024

Inés Rey destaca o impacto económico e social da rexeneración da Ría do Burgo na Coruña e a súa área


Subliña o compromiso do goberno de España tras dúas décadas de reivindicacións

O Goberno local está traballando na modificación do Plan xeral na contorna da ría para reducir a edificabilidade e incrementar a protección ambiental

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey comprobou esta mañá de primeira man o avance das actuacións de dragado na Ría do Burgo, unha demanda histórica da Coruña e a súa área que hoxe é unha realidade despois de dúas décadas de reivindicacións. A rexedora visitou a contorna xunto co Delegado do Goberno, José Miñones, e os alcaldes dos concellos de Culleredo, Cambre e Oleiros.

“Esta é unha obra demandada dende hai moitos anos e que hoxe xa é unha realidade grazas ao compromiso do goberno de Pedro Sánchez” sinalou a alcaldesa, “unha actuación medioambiental moi necesaria para a cidade da Coruña, pero tamén para todos os concellos da contorna que terá un gran impacto económico e social e nos permitirá mellorar a nosa conectividade e relación en torno á ría”.

A alcaldesa lembrou que o Concello da Coruña está traballando na modificación do PXOM, xa se rematou o trámite ambiental, para levar a cabo unha transformación da zona entre Oza e a Pasaxe reducindo a edificabilidade e creando novas zonas verdes e unha senda peonil e ciclista.
“Esta proposta permitirá protexer medioambientalmente a zona de forma adecuada, pero tamén gañar espazo para goce da cidadanía para facer unha cidade pensando nas personas” concluiu a alcaldesa.